8.6 C
Galicia
viernes, marzo 29, 2024

37,5 M DE EUROS EN AXUDAS PARA A INCORPORACIÓN DE MOZOS Á ACTIVIDADE AGROGANDEIRA E PARA A MELLORA DE EXPLOTACIÓNS NO RURAL

  • Trátase de subvencións que xestiona a Consellería de Medio Rural para a execución de plans de mellora, para a incorporación de mozos ao agro e para o desenvolvemento de pequenas explotacións
  • No período 2016-2020 o importe total aprobado para estas axudas en toda Galicia superou os 253 millóns de euros en cinco convocatorias, sendo Lugo a provincia máis beneficiada, seguida da Coruña, e aglutinando entre ambas preto do 70% dos expedientes aprobados
  • No mesmo quinquenio, recibiron axuda para incorporarse á actividade agrogandeira un total de 2.099 mozos, cunha achega global que superou os 75 millóns de euros

Lugo, 26 de xaneiro de 2022.- A próxima orde de axudas da Consellería do Medio Rural para apoiar os investimentos nas explotacións agrícolas, para a creación de empresas de agricultores mozos e para o desenvolvemento de pequenas explotacións contará neste ano 2022 cun orzamento total de 37,5 millóns de euros. 

Así o destacou hoxe o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, nunha visita a unha explotación de vacún de leite situada no concello de Lugo e que foi beneficiaria destas achegas en convocatorias anteriores. Balseiros estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias. 

A explotación é Casa Xacobe Sociedade Cooperativa, localizada na parroquia luguesa de San Xoán do Campo e que recibiu axudas para o seu plan de mellora no ano 2019 e para incorporación de mozos na convocatoria de 2017. En total, nesta granxa traballan catro persoas, nai e fillo (tras a súa incorporación, pola que recibiu a subvención) e dous asalariados. 

El director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, visita la explotación lechera Casa Xacobe Sociedade Cooperativa, que fue beneficiaria de ayudas para la primera incorporación de jóvenes a la actividad agroganadera. San Xoán do Campo, Seoane

Estas axudas que hoxe puxo en valor o director xeral -e que está previsto publicar no Diario Oficial de Galicia en breve- teñen unha gran repercusión no medio rural galego. Pertencen ao Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020 e están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader). En concreto, a partida asignada para sufragar investimentos en explotacións agrícolas (os coñecidos como plans de mellora) será de 20 millóns de euros neste 2022. Para a incorporación de mozos ao agro destinaranse 15 millóns de euros e, por último, para o desenvolvemento de pequenas explotacións haberá 2,5 millóns de euros.

Mellora produtiva e rexuvenecemento

Esta é unha das ordes de axudas máis destacadas da Consellería do Medio Rural, tanto polo seu importe como polo número de beneficiarios. Con elas búscase mellorar a estrutura produtiva das explotacións galegas e avanzar na consecución dunha adecuada dimensión e un correcto equilibrio dos seus factores de produción co obxectivo de mellorar a competitividade. Ao mesmo tempo, procúrase acadar un rexuvenecemento da poboación activa agraria e o fomento do emprego neste sector, con especial consideración cara ás mulleres, co fin último de fixar poboación no rural. 

Ademais, estas axudas teñen unha gran repercusión no campo galego porque implican un gran número de axentes que participan neste labor, desde as oficinas técnicas que elaboran os proxectos, ata os concellos que conceden as licenzas de obra e as pequenas e medianas empresas encargadas de realizar as obras contidas nos proxectos. Polo tanto, prodúcese un efecto multiplicador destas subvencións que dinamizan de maneira moi importante o medio rural da nosa comunidade.

Balance do período 2016-2020

O balance da xestión destas axudas no período 2016-2020 aporta datos significativos. Así, o importe total aprobado nese quinquenio -para o conxunto das tres liñas de axuda- supera os 253 millóns de euros, en máis de 6.300 expedientes aprobados. Se temos en conta as orientacións produtivas deses expedientes, nas liñas de plans de mellora e incorporación de mozos destaca o vacún de leite, con 1.878 e 741 expedientes respectivamente. No caso da liña de pequenas explotacións, salienta o vacún de carne, con 462 expedientes. 

Se temos en consideración a repartición destas subvencións por provincias, a de Lugo encabeza os expedientes aprobados seguida pola da Coruña, aglutinando entre ambas preto do 70% dos expedientes aprobados no período 2016-2020. Por último, cabe sinalar que a incorporación de mulleres rexistra unha tendencia positiva. 

Canto á primeira incorporación de mozos, no devandito período 2016-2020 aprobáronse un total de 2.099 expedientes, por un importe global que superou os 75 millóns de euros.

Artículos relacionados

- Advertisement -spot_img

ÚLTIMOS ARTÍCULOS