3.1 C
Galicia
jueves, marzo 28, 2024

UN TOTAL DE 19 INICIATIVAS RECIBIRÁN CASE 2,13 M€ DA XUNTA PARA ABORDAR PROXECTOS PILOTO OU DESENVOLVER NOVOS PRODUTOS NOS ÁMBITOS AGRARIO OU FORESTAL

Santiago de Compostela, 7 de xaneiro de 2022.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha resolución da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, pola que se fan públicas as axudas de 2021 para o apoio de proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías, nos ámbitos agrario, agroalimentario e forestal. En concreto, foron 19 os beneficiarios dun total de 2.128.228 euros en achegas.

Entre as iniciativas apoiadas, destacan as do sector lácteo, con proxectos de novas tecnoloxías para a estimación das emisións de metano das vacas de leite, de valorización da tona de soro mediante a produción de manteiga premium ou de posta en valor do soro do queixo para o desenvolvemento de novos produtos. Tamén resultou beneficiaria unha iniciativa de avaliación das funcionalidades dun sistema de monitorización do gando en pastoreo con intelixencia artificial.

Dentro do sector da carne, concedéuselle subvención a un proxecto de optimización da dieta de cebo nas diferentes categorías da raza cachena. No que atinxe ao sector apícola, figura un proxecto piloto para a preservación e a mellora xenética dos recursos deste tipo no Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés e para a transformación dixital nos procesos apícolas deste parque. En relación co sector do viño, financiarase o desenvolvemento dun protocolo de recuperación de viñedo ecolóxico, así como a valorización de residuos vitivinícolas na elaboración de viños sostibles. 

Respecto dos residuos, a Xunta tamén apoiará un sistema modular de vermixestión de dexeccións gandeiras para a súa valorización como fertilizante, novos insumos agrícolas para a mellora de cultivos en ecolóxico elaborados con algas mariñas galegas, así como a avaliación do extracto obtido a partir do residuo do prensado de sementes de camelias na extracción de aceite. A maiores, apoiarase o desenvolvemento dun sistema de monitorización de nutrientes do solo que sirva aos agricultores para facer unha mellor xestión da fertilización.

Sector da horta

Canto á horta, subvencionarase a revalorización da horta ecolóxica cara a alimentos minimamente procesados ou a posta en valor da Faba de Lourenzá. Tamén haberá axuda para o desenvolvemento de cosméticos ecobioactivos, de produtos nutracéuticos a base de té e lúpulo ou para o bioprocesado de insectos de cara a obter produtos de valor engadido. Por último, mirando ao sector forestal, concedeuse axuda a unha iniciativa de produción de castiñeiro micorrizado in vitro e a outra para combater o nematodo do piñeiro. 

Cómpre lembrar que desta convocatoria poden beneficiarse organizacións ou entidades relacionadas coa produción primaria en agricultura, gandería ou silvicultura e empresas ou industrias transformadoras destes sectores, así como da área de enerxías renovables de orixe agrícola e forestal. 

En canto ás accións subvencionables, as áreas prioritarias de actuación son a xestión sustentable dos recursos naturais, os sistemas agrarios de produción, a industria e cadea  agroalimentaria, a bioeconomía e a aplicación das tecnoloxías da información e comunicación ao sector.

No seguinte enlace pode consultarse a resolución no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220107/AnuncioG0528-231221-0001_gl.html 

Artículos relacionados

- Advertisement -spot_img

ÚLTIMOS ARTÍCULOS