- O Goberno eleva ao 15 % a redución do
IRPF agrario por módulos na renda que se presenta en 2027, a cinco dias das eleccións xerais.
- O IRPF agrario por módulos terá unha redución do 15 % na renda de 2026, que se presenta en 2027.
Consulta que cambia co gasóleo e os fertilizantes.
O Goberno eleva do 10 % ao 15 % a redución do rendemento neto do IRPF agrario por módulos. O Consello de Ministros aprobou este martes, 24 de novembro, o decreto lei que recolle a medida para o exercicio 2026, que se declara en 2027. O Executivo estima que o paquete para o agro en módulos chegará a uns 800.000 agricultores e gandeiros en España. A decisión chega en plena campaña, cinco días antes das eleccións xerais do 29 de novembro.
Que supón o 15 % para quen tributa por módulos
A orde de módulos publicada no BOE o 5 de novembro xa fixara unha redución excepcional do 10 % para as actividades agrícolas, gandeiras e forestais no exercicio 2026. O decreto lei aprobado este martes engade cinco puntos. Para o resto das actividades económicas que tributan por módulos, o Goberno anunciou que a redución xeral sobe do 5 % ao 10 %.
Se o rendemento sobre o que se aplica a redución é de 20.000 euros, co 10 % quedaría en 18.000 euros e co 15 % baixa a 17.000. Eses 1.000 euros de diferenza corresponden ao rendemento que se incorpora ao cálculo do imposto. O efecto na cota final dependerá do conxunto da declaración de cada contribuínte.
Agricultura e Facenda cifran en 1.030 millóns de euros a minoración estimada da base impoñiblepolo conxunto das medidas agrarias en módulos. O importe que finalmente deixe de pagarse en IRPF dependerá de como se traduza esa redución nas cotas individuais.
Gasóleo e fertilizantes, con factura de 2026
As explotacións agrícolas e gandeiras en módulos conservan dúas minoracións que xa figuraban na orde de novembro. Poden reducir o rendemento neto previo nun importe equivalente ao 35 % do prezo de adquisición do gasóleo agrícola e ao 15 % do prezo dos fertilizantes. As compras deben ser necesarias para a actividade, realizarse en 2026 e constar en facturas emitidas nese exercicio que cumpran os requisitos de facturación.

Unha compra de 4.000 euros en gasóleo agrícola que cumpra esas condicións tradúcese nunha minoración de 1.400 euros do rendemento neto previo. O Goberno xustifica o paquete pola presión do encarecemento do combustible e dos fertilizantes sobre as marxes das explotacións, que atribúe ao conflito en Oriente Medio.
Estimación directa simplificada, ata 3.000 euros
Para quen tributa en estimación directa simplificada, o cambio afecta ao cálculo das provisións e dos gastos de difícil xustificación. A porcentaxe pasa do 5 % ao 10 % sobre o rendemento neto positivo calculado antes deses conceptos. O máximo anual sobe de 2.000 a 3.000 euros. Agricultura estima que arredor de 43.000 titulares agrarios poderían beneficiarse desta modificación en España.
Galicia, o peso das granxas de leite
Galicia concentrou o 42 % das entregas de leite cru de vaca en España entre xaneiro e xullo de 2026, segundo o Ministerio de Agricultura. Nas granxas galegas, o efecto da medida dependerá do réxime fiscal de cada titular. Para as ganderías en módulos que compran penso a terceiros, a orde de novembro mantén en 0,5 o índice corrector por pensos adquiridos a terceiros, cando se cumpren os requisitos para aplicalo.
A cinco días das urnas | Análise de AFRIGA
O Goberno conserva a capacidade de tomar decisións durante a campaña. A Constitución esixe unha necesidade extraordinaria e urxente para recorrer ao decreto lei e prevé o seu control parlamentario. A lei electoral prohibe durante ese período os actos organizados ou financiados polos poderes públicos que exhiban logros de goberno.
A rebaixa ten unha finalidade económica defendible. O calendario merece unha explicación. A orde do 5 de novembro xa incluía o 10 % para o agro e as minoracións por gasóleo e fertilizantes. Que urxencia xustificaba engadir os outros cinco puntos o martes anterior ás urnas, para unha declaración que se presentará en 2027?
Nunha democracia, o Executivo debería explicar por que unha medida con ese alcance tiña que aprobarse precisamente esa semana. O calendario dálle ao partido no Goberno a oportunidade de capitalizar a decisión ante o electorado rural. Atribuír a medida a unha intención de gañar votos require algo máis ca comprobar as datas.



