Volver arriba

A NOVA PAC
a estocada definitiva á gandería e á agricultura tradicionais?

agosto 5, 2020

Roberto García

Secretario xeral de Unións Agrarias

Nos últimos meses os agricultores e gandeiros españois pasaron de ser os grandes esquecidos a converterse en heroes nacionais. Por obra e gracia da pandemia que tan nefastas consecuencias tivo para o conxunto da nosa sociedade, durante varias semanas consecutivas os traballadores do campo pasaron a un primeiro plano; e o seu esforzo por garantir o subministro alimentario durante o estado de alarma recibiu aplausos de cidadanía e institucións. Sen embargo, ese recoñecemento non se ten traducido no respaldo que o sector necesita, agora se cabe máis ca nunca. E mentres o medio rural continúa esforzándose por seguir adiante e encaixar a baixada de prezos e rendas que veu da man do coronavirus, Europa responde con menos fondos e máis esixencias.

Dende que comezou o estado de alarma e a cidadanía se viu na obriga de recluírse nos seus fogares para frear a expansión da Covid-19, agricultores e gandeiros deron exemplo de responsabilidade e souberon antepoñer o ben común aos seus propios intereses. As mobilizacións que viñan protagonizando nas rúas das cidades de toda España quedaron aparcadas. E as xustas reivindicacións de prezos dignos para os produtos do campo deron paso a traballo e esforzo para conseguir que ata os fogares do conxunto da poboación non deixasen de chegar os necesarios alimentos. Sen embargo, hai algunhas semanas a Comisión Europea deu a coñecer o orzamento para a vindeira PAC. E o medio rural pasou de ser considerado esencial a pagar as consecuencias dos regateos contables das administracións.

O recorte do 9% do orzamento da Política Agrícola Común para o período 2021-2027 supón un duro golpe e deixa nunha situación máis que delicada ao noso sector primario. Non hai que esquecer que a inxección económica que chega a través destas axudas representa unha importante bomba de osíxeno para as explotacións galegas, moi especialmente para as de zonas desfavorecidas e de montaña. E minguar esa achega sen ter en conta os problemas que estas veñen arrastrando, e que se teñen agravado a consecuencia da crise da Covid-19, é unha irresponsabilidade que pode chegar a supoñer o peche de moitas delas.

A proposta orzamentaria da Comisión Europea suporá reducir en 31.000 millóns os fondos da PAC. Un recorte que se ceba especialmente coas partidas do primeiro pilar que son, precisamente, as que chegan directamente aos petos dos nosos agricultores e gandeiros.

FALAR DE RECORTAR uns fondos fundamentais para un sector do que depende a alimentación do conxunto da sociedade semella cando menos irresponsable. Máis nun momento no que os nosos gandeiros se esforzan por encaixar a baixada de prezos provocada polo estado de alarma. E no que facer fronte á “nova realidade” e manter a actividade sen botar o peche está a supoñer para eles un duro reto.

Ao tempo que anuncia unha PAC desinchada, Europa enche a boca falando de sustentabilidade e presenta a súa estratexia “Da Granxa á Mesa” como un compromiso cun modelo produtivo máis ecolóxico e verde. Pero non ten en conta o imprescindible papel que a gandería desempeñanese senso. E non ten reparo en recortar fondos a un rural para o que estas explotacións xogan un papel estratéxico dende o punto de vista económico, pero tamén ambiental.

Se as administracións non toman cartas no asunto, a gandería de carne de vacún galega deixará de ingresar este ano 36 millóns de euros. E non falamos de que as súas ganancias vaian ser menores; senón do dramático feito que supón que, desde que comezou o estado de alarma, o sector está a verse obrigado a vender por debaixo de custos de produción sen que ningunha administración semelle interesada por aportar solucións.

A realidade é que, hoxe, a unha gandería de Lugo ou de Ourense cústalle cartos manter a actividade. A realidade é que os gandeiros galegos levan anos cobrando os prezos máis baixos de España e de Europa polo leite que producen. A realidade é que estas explotacións, xunto coa viticultura, a apicultura e a agricultura, son unha fonte de ingresos indispensable para o noso medio rural. A realidade é que de cara á galería a clase política e as institucións falan da España baleira, de loita contra o despoboamento e de sustentabilidade. Pero cando as cámaras se apagan esquecen as necesidades dos que máis fan por frear o abandono e xestionar territorio.

“Que Europa fale de sustentabilidade é hipócrita porque, mentres deixa na estacada a un sector fundamental para o noso rural, permite a entrada de carne sen garantías sanitarias procedente de terceiros países”

O feito de que, cando a sociedade aínda loita por sobrepoñerse ás consecuencias da pandemia, Europa anuncie recortes para un sector que, só uns días antes, era considerado esencial, é irresponsable. Que Europa fale de sustentabilidade e anuncie a súa vontade de promover unha redución do consumo de carne e deixar de estimular a súa produción é hipócrita. E é así porque, mentres as institucións europeas deixan na estacada a un sector fundamental para o noso rural, permite a entrada de carne sen garantías sanitarias procedente de terceiros países.

A gandería t~radicional en extensivo que se practica en Galicia nada ten que ver coas macroexplotacións dos estados do Mercosur. Aos que a Unión non tivo reparo, poucos meses atrás, en abrirlles os brazos para que introducisen nos nosos mercados unhas carnes producidas sen ter en conta ningunha das estritas directrices de calidade ambiental, seguridade alimentaria ou benestar animal que si seguen as explotacións europeas.

Recortar a PAC supón minguar a capacidade dos nosos gandeiros e agricultores de manterse a flote. De seguir implementando ferramentas que lles permitan ser cada vez máis competitivos, ecolóxicos e sustentables. De seguir traballando e manter a actividade nun medio rural con moitas carencias e aínda moi necesitado de apoios e opcións que permitan diversificar a súa economía. Recortar a PAC é aumentar a fenda que separa á poboación rural da urbana. É minimizar as opción de futuro e a capacidade de seguir producindo e coidando o noso territorio dun sectorprimario estratéxico. É impoñerlimitacións que se traducirán en menos ingresos e máis dificultades. É darlles as costas e negarlles os medios precisos a quen, aínda nos momentos máis difíciles, actuou coa máxima responsabilidade e seguiu traballando para cumprir coa súa misión de abastecer os mercados en cantidade e calidade; e de xestionar de maneira sustentable o noso patrimonio ecolóxico e os nosos recursos naturais. NO

Parlamento Europeo alguén debera dicir algo e claro que non é posible estar na misa, e repicando.

https://www.selitel.es/ Fonteboa — Centro de Promoción Rural — EFA
Lee el último número