Volver arriba

Edelmiro Lopez Iglesias
“A PAC aínda pode resultar positiva para os gandeiros galegos si as achegas se destinan aos profesionais que viven da granxa e non dos dereitos históricos”

agosto 5, 2020

Os gandeiros do lácteo, como todo o mundo, ven con incerteza o futuro a causa da pandemia do COVID- 19 que se engade ás habituais creadas pola volatilidade dos prezos do leite. Que se pode agardar nos próximos meses?

O momento é de incerteza para todos. Non podo dicir vai pasar isto ou o outro. Desde 2004 e moito mais desde 2007, o mercado do leite en Galicia vai en liña cos mercados internacionais. Estes dependen dos niveis de produción dos exportadores e da evolución dos países importadores, de xeito especial de China. Nos últimos meses non vin que Nova Zelanda aumentase a produción pero si o está a facer a Unión Europea, o que pode supor un risco de prezos á baixa pero non necesariamente. No caso dos importadores, é importante estar atentos á evolución da economía tras esta pandemia, pero como o leite é un ben de primeira necesidade, as crises aféctalle menos que a outros sectores. A maior ameaza a día de hoxe poden ser a grandes empresas distribuidoras si deciden baixalos prezos nos lineais dos supermercados para atraer aos clientes mais prexudicados pola crise.

“Non hai razóns para que o prezo do leite baixe nos vindeiros meses mais alá de oscilacións conxunturais”

Os prezos do leite ao produtor veñen mantendo certa estabilidade desde 2017 cunha lixeira suba desde entón. E ao analizar os primeiros meses deste ano vemos que está ao pé dun 3% por riba do ano anterior. Agás a baixa estacional do verán, non se albisca a día de hoxe ningunha baixada en orixe.

Cales son as causas de que en Galicia os prezos ao produtor sexan mais baixos que no resto de España, mesmo que en Asturias, que ten condicións aparentemente semellantes?

Galicia é unha potencia láctea. Producimos o 40 por cento de todo España. Temos tres problemas estruturais grandes: un sistema de produción que precisa da compra de demasiada cantidade de alimentos para o gando, unha industria débil e o feito de que non termina de organizarse a relación entre produtores e industrias malia a implantación do chamado “paquete lácteo” que impón negociación colectiva e contratos por escrito. A realidade é que non termina de funcionar porque as industrias seguen a impoñer as súas condicións. A debilidade da industria galega de transformación é capital neste asunto. En números redondos, de cada cen litros de leite producidos en Galicia, só 55 se transforma aquí. De esta cantidade a gran maioría se destina ao envasado de leite líquido no que a industria ten pouca marxe de ganancia, xa que neste caso son as cadeas de distribución as que teñen a tixola polo mango. Sería distinto si esa cantidade ou gran parte puidera empregarse en produtos de maior valor engadido como iogures, queixos e outros, que deixan unha maior marxe. Polo demais, entre as industrias galegas só nun caso os gandeiros teñen algunha participación. Este é un tema importante que podemos ver en Asturias. Chama a atención, que sendo semellante a Galicia, os prezos en orixe están uns tres- catro céntimos por riba dos nosos.

Que ten Asturias que non teñamos nós?

Ten unha industria, a Central Lechera Asturiana, propiedade de gandeiros asturianos que transforma a maioría do leite de alí ademais do que importa de Galicia. Entón, págalle un maior prezo aos gandeiros, que son os seus propietarios.

Que poden facer o goberno galego e o central para que os prezos en Galicia se aproximen aos da media española?

A curto prazo poden reforzar a posición negociadora dos produtores galegos, evitando a imposición de facto da industria. A longo prazo creo que o único xeito de que melloren os prezos en orixe é tratar de axudar a ampliar a industria galega para que absorba mais produción. Ao mesmo tempo, que esta, ademais do envasado de leite líquido, se centre tamén en derivados lácteos de maior valor engadido. Xa hai algunhas iniciativas que parecen esperanzadoras pero hai que agardar a ver como acaban.

Quizais tamén deben vixiar as prácticas na distribución que adoitan prexudicar ao leite vendendo por debaixo do prezo de coste?

05 Tan necesario é equilibrar a relación industrias- gandeiros como a industria-distribuidoras porque as imposicións desta última termínana pagando os produtores. O fundamental neste momento é controlar que non se vendan lácteos a perdas. Aparentemente nos últimos 5 anos rexistráronse neste senso avances coma a Lei da cadea alimentaria en España e a prohibición da EU da venda a perdas así coma outras disposicións semellantes. O problema é a ausencia de control efectivo do cumprimento da normativa. Aí é onde as administracións públicas deben actuar con efectividade. Se non, todo queda en papel mollado.

Que incidencia vai ter no sector lácteo a saída do Reino Unido da UE?

Iso non se saberá ata que termine a negociación da saída. Entón coñeceremos en que condicións (sobre todo aranceis) poderán entrar as mercadorías da UE na Gran Bretaña. Importacións de alimentación vainas facer xa que necesita comprar aproximadamente a metade do que come.

“Mentres a industria galega sexa débil e non elabore produtos de mais valor engadido, o prezo do leite seguirá baixo”

Agora ben, hai que saber si importa os lácteos de Europa ou de outros países. Galicia non lle vende leite, pero si o acordo comercial prexudica ás exportacións de outros países da UE, por exemplo, ás de Francia e Alemaña, estes poderían intentar colocar os seus excedentes no mercado español e tombalos prezos. En xeral o Brexit vai afectar aínda que no lácteo non debería ser grave.

Se fala que o Plan Lácteo deberíalle dar unha mellor perspectiva ao sector en Galicia. Que tería que abordar?

A Fundación Juana de Vega está a elaborar unha serie de propostas denominadas estratexia para o sector. Sei que se reuniron con representantes de produtores, industria e outros axentes económicos, pero non o coñezo. Polo que me ten chegado, o plano pode ser bo. Propón medidas como as que comentamos, que as granxas dependan menos da compra de pensos e produzan mais cantidade do forraxe que precisan, así como reforzar a industria galega. Agora ben, o importante é a aplicación: que todos os implicados, administracións públicas, industrias e gandeiros, cumpran as directrices que lle corresponden. En resumen, o plan como documento parece que vai estar ben, pero si estes tres axentes non fan nada, quedará no queixón coma un bonito documento mais.

A proposta da política agraria común, a PAC, supón unha importante redución das axudas e un modelo de granxa mais ecolóxica, mais autosuficiente. Que opinión lle merece?

A negociación da nova PAC vai moi retrasada polo que é moi posible que se prorrogue a actual para o vindeiro ano e está por ver si a nova esta lista para entrar en vigor o 2022. Os recortes dos fondos da primeira proposta eran en euros constantes do 15 por cento. Agora suavizáronse e aínda poden selo mais tras o paso polos debates no Parlamento e Consello europeos. A min preocúpame mais como se vai distribuír ese diñeiro no apartado das achegas directas. Si van aos gandeiros efectivos ou van a seguir primando os dereitos históricos correspondentes a grandes explotacións. No tocante a Galicia, a interrogante está si se vai priorizar aos gandeiros profesionais e, dentro deles, aos pequenos e medianos, que son os que teñen mais necesidades. Si o reparto se fai así, o sector lácteo galego podería saír ganando mesmo cun recorte do orzamento da PAC. Claro, depende do tamaño do recorte medido en euros constantes.

No tocante, as medidas que chaman “da granxa á mesa”, con obxectivos parciais a cumprir en 2030 e de xeito total en 2050, veñen a significar unha granxa mais sustentable: menos utilización de abonos químicos, praguicidas, antibióticos… Considero que son medidas positivas si se dan dúas condicións. A primeira, que a UE non deixe entrar no mercado europeo produtos que non cumpran estes requisitos. A segunda, dado que todo iso supón un aumento de custes, esas medidas deben vir acompañadas de achegas económicas de Bruxelas. Xa que se trata dunha mellora medioambiental, débena pagar todos os cidadán ao través dese apoio económico aos produtores.

No rural se está a demandar servizos ou a mellora dos mesmo para poder vivir con dignidade e poder levar a cabo os proxectos económicos.

A falta de servizos afecta a todos os sectores, Non só aos que traballan directamente na agricultura e gandería, se non tamén a aqueles que, aínda que viven en ámbitos rurais, traballan en empresas que fornecen ou prestan servizos ás actividades primarias. É un problema aínda mais grave que o da rendibilidade das explotacións agrarias. É causa da emigración do rural ás ciudades ou fóra de Galicia. Si vemos os saldos de emigración, vemos que emigra a xente nova e regresan emigrantes.

Por que marchan os mozos? Unha parte por falta de oportunidades laborais, xa que non atopan traballo ou non ven rendibilidade á explotación. Outra, pola carencia de servizos, entre eles, é de subliñar o acceso á banda ancha que é fundamental para que os rapaces podan seguir os estudos, o entretemento, a atención médica en xeral e mesmo para levar a explotación. Neste momentos, gran parte das xestións telas que facer ao través de internet. Os outros servizos esenciais son os sanitarios, educativos e a atención á poboación dependente. A falta de servizos, ademais de ser causa de desigualdade, repercuten negativamente na rendibilidade das granxas.

“A falta de servizos, ademais de ser causa de desigualdade, expulsa á mocidade do rural e repercute negativamente na rendibilidade das granxas”

Hai un dato curioso. No abandono da xuventude do campo, fano en maior número as mozas que os mozos. Por que? Porque unha rapaza nova, aínda que acade unha boa renda da explotación, a perspectiva persoal que ten é a de dedicarse a cubrir servizos de atención á infancia cando teña fillos, coidalos vellos, tanto pais como sogros, sen que lle quede tempo para o seu desenvolvemento profesional.

Creo que habería que poñer en marcha un plano de servizos para evitar o despoboamento pero tamén para aproveitar esta posible oportunidade da posta en valor do rural provocada polo covid-19. Este sería o momento dun plan ambicioso de dotar de banda ancha a todo o rural e a atención aos maiores e á infancia.

Habendo o paro que hai os gandeiros teñen problemas para atopar traballadores cualificados e responsables para o desempeño de determinadas actividades delicadas como a de muxir ou alimentar as vacas

Si hai problemas de rendibilidade, non se pode pagar salarios decentes. Queda recorrer ao emigrante, que non se debe ver mal porque contribúen a manter a poboación no campo. Ademais calquera empregado vaise atopar coa falta de servizos e vivenda.

Nas aldeas hai casas, pero a maioría non están en condicións de habitabilidade.

Hai outro problema: o da mentalidade. A xente urbana que coñeceu ou viviu no rural hai 30 ou 40 ten unha imaxe de que a actividade no campo é igual a pobreza ou pouco rendible. Unha idea semellante existe tamén no rural pensando que a cidade está chea de oportunidades cando nunha explotación de leite media un gandeiro gana mais que un profesor de universidade. Certo é que gana mais porque tamén investiu e arriscou cartos nela. Isto non o percibe a sociedade. Ás veces tampouco no rural.

Hoxe a maioría das granxas lácteas dispoñen dunha tecnoloxía equiparable aos do resto de Europa. O traballo é digno e mesmo de mellores condicións que outros localizados nas cidades. Pero os gandeiros tamén teñen dificultades en atopar empregados porque temos un problema co sistema educativo. Neste eido globalmente non funciona coas excepcións que se queiran.

Tampouco a Universidade onde a maioría dos alumnos formados nestas áreas de coñecementos terminaron coa idea de seren funcionarios. A FP debe estar más vencellada ás necesidades da formación de gandeiros e man de obra especializada. Polo demais, tamén se deben explorar as formas de contratación.

Cando non se precisa un operario a tempo completo, a solución xa ensaiada é que unha agrupación ou asociación de gandeiros o contrate para desempeñar o seu traballo en varias granxas.

Unha consecuencia negativa directa desta pandemia para este sector é a pouca saída e caída de prezos das vacas de desvelle. Como pensa que vai evolucionar o prezo deste vacún?

Na medida en que non se recupere a hostalaría, esa carne da que saen, por exemplo, os chuletóns, no vai ter boas perspectivas.

https://www.selitel.es/ Fonteboa — Centro de Promoción Rural — EFA
Lee el último número