15 C
Galicia
lunes, abril 29, 2024

36 M para potenciar o sector agrogandeiro na Limia de xeito sustentable

  • Destes fondos, 16 millóns servirán para modernizar o regadío, outros catro -aportados pola Xunta- serán para a construción de 42 pozos e os 16 restantes foron xestionados polo Goberno galego ante Madrid para a limpeza das canles e dos camiños paralelos
  • José González reiterou a súa chamada á colaboración institucional a prol da sustentabilidade da actividade agrogandeira nesta bisbarra ourensá
  • Salientou tamén a achega conxunta de 600.000 euros por parte de Medio Rural e da Deputación ourensá para a reparación de camiños na comarca, no marco do Plan estratéxico do sector agrario da Limia
  • Agradeceu a vontade de todos os axentes da bisbarra, así como dos agricultores e gandeiros, para avanzar na sustentabilidade das súas explotacións e amosou o seu orgullo pola importante produción agraria de toda esta zona

Ourense, 7 de marzo de 2022.- O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado pola directora xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, presidiu hoxe a xuntanza da Comisión de seguimento de regadíos da Limia, na que se abordaron os avances na xestión sustentable da actividade agrogandeira nesta comarca. No encontro, que tivo lugar na Delegación territorial, participaron -ademais dos representantes da Xunta-, responsables das comunidades de regantes, técnicos da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, representantes dos gandeiros da zona, alcaldes e responsables das empresas encargadas das obras. Nesta reunión, o conselleiro puxo en valor os 36 millóns de euros de investimento conxunto Xunta-Estado para esta bisbarra. Unha achega que -sinalou- “conseguimos para potenciar de forma sustentable o sector agrario da comarca”. 

Modernización do regadío

O titular de Medio Rural explicou que destes fondos 16 millóns servirán para modernizar o regadío, outros catro -aportados pola Xunta- serán para a construción de 42 pozos e os 16 restantes foron xestionados polo Goberno galego ante Madrid, de maneira adicional, para a limpeza das canles e dos camiños paralelos. En relación con esta última achega, González advertiu que a Consellería estará “vixilante” sobre o cumprimento dese compromiso por parte do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación.

A todo este esforzo investidor, o conselleiro engadiu os 600.000 euros que destina o seu departamento, coa colaboración da Deputación Provincial de Ourense, para a reparación de camiños na comarca, todo enmarcado no Plan estratéxico do sector agrario da Limia.

Neste contexto, o conselleiro salientou tamén o convenio de colaboración asinado en decembro pasado entre Medio Rural e catro comunidades de regantes para executar os devanditos 42 novos pozos de sondaxe na bisbarra. Trátase das comunidades de San Salvador de Sabucedo, Lamas Ganade, Corno do Monte e Alta Limia. Porén, José González lamentou que aínda non se puideran iniciar estas obras, xa que faltan as preceptivas autorizacións da devandita Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.

Colaboración institucional

Por tal motivo, José González reiterou o seu chamamento -feito a pasada semana en sede parlamentaria- á colaboración institucional co Goberno de España, en beneficio da comarca da Limia. Neste sentido, avanzou que mañá mesmo está previsto un encontro de traballo a tres bandas entre a directora xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, o presidente da Sociedad Estatal de Infraestructuras Agrarias (Seiasa) e representantes das comunidades de regantes, para avanzar nestas cuestións.

Por outra banda, o conselleiro trasladou de novo o seu recoñecemento e agradecemento “a todas as forzas vivas” da bisbarra e en particular aos agricultores e gandeiros, “pola súa decidida vontade de avanzar na sustentabilidade das súas explotacións”. Nesta liña, González expresou tamén o seu “orgullo” pola importante produción agraria da Limia e amosou o compromiso da Xunta de seguir “traballando e procurando consensos” a prol desta comarca en particular e do rural galego en xeral.

Artículos relacionados

- Advertisement -spot_img

ÚLTIMOS ARTÍCULOS

Social Media Auto Publish Powered By : XYZScripts.com