Volver arriba

O HOME QUE SEMPRE TROPEZOU NA PESTE

agosto 6, 2020

 

As pandemias aceleran a procura de novos fármacos e vacinas

Se atribúe ao filósofo alemán Friedrich Hegel que o ser humano só aprende da historia que non aprende nada. Unha frase un tanto esaxerada, seguramente quitada de contexto, pero o certo é que, no tocante ao acontecido nas sucesivas pestes, si que ten mais que razón. Primeiro porque non se adoita a ensinar este tema e as súas consecuencias económicas e sociais na escola e nos institutos e, segundo, porque non nos queda memoria delas mais que entre os estudosos.

As pandemias foron moi habituais en Europa entre 1348, ano do inicio da terrible peste negra, ata ben entrado o século XVIII. Logo fóronse enrarecendo, xurdindo cada certo tempo, quizais non tan virulentas dados os avances da ciencia e hábito socias como veremos…

Sen ir mais lonxe hai xusto un século a mal chamada Gripe española, traída a Europa durante a I Guerra Mundial polas tropas norteamericanas, segou miles de vidas. Daquela non distinguía tanto como o coronavirus entre xente maior e mozos. Mais tarde, rexistráronse dúas pandemias que mataron cada unha catro millóns de persoas no mundo, pero apenas quedaron noticias delas nos periódicos. Se trata da Gripe asiática de 1957 e a Gripe de Hong Kong, que se desenvolveu entre 1968-70.

Para dar unha idea da súa ferocidade, en 1968 en Berlín tiveron que almacenar os cadáveres nos túneles do metro e dous anos despois en Inglaterra morrían cada semana 2.880 persoas a causa deste andazo. Chegou o momento en que os hospitais estaban tan saturados que non cabía un enfermo mais, segundo contaba a prensa dese país.

En España, na que entón mandaba Franco e a Igrexa católica, a xente morría porque “estaba de Deus” ou porque a “gripe deste ano veu moi ruín”.

A TERRIBLE PESTE NEGRA

Con todo, nada que ver coa peste negra que circulou por Europa entre 1348 e 1351 levándose con ela a un terzo da poboación. E aínda mais en Francia, Italia, Inglaterra e no oeste de Alemaña, países onde foi mais severa. Cando a xente das cidades veu as mortes que causaba, os aristócratas, bispos e ricos comerciantes escapaban para mosteiros ou pazos das aldeas. Os demais tamén pero os labregos rexeitábanos a golpes de sacha e forquita. De xeito mais civilizado, agora nos pasa o mesmo. En Galicia xa se escoitaron voces alertando contra unha invasión de madrileños (unha maneira de chamar aos turistas españois) este verán. Foi unha constante en todas as pestes.

Como ata finais do século XIX se contabilizaron escasos avances médicos, se atribuían as causas das epidemias ás cousas mais inimaxinables. Agora tamén pero hai menos variedade de hipóteses.

Entón se dicía que era pola corrupción do aire, pola conxunción de astros, por emanacións podres do chan ou porque os anxos de ceo disparaban as frechas pestíferas contras a xente sen que esta soubera por que.

Mais tarde entraron na roda das presuncións os leiróns, pero nunca a pulga do leirón que foi a que transmitiu a peste negra e algunhas outras que seguiron.

No que si acertaron os nosos antepasados xa desde a antigüidade foi na transmisión entre humanos.De aí que se impuxeran como forma de combatela a corentena e o illamento. A intuición popular resultou mais efectiva que os sabios da época que negaban este xeito de contaxio.

CASTIGO DIVINO

A Igrexa aproveitou as pandemias para explicalas coma un castigo de Deus polos pecados das persoas igual que se fai agora nalgúns países musulmáns. Foi unha afirmación que incrementou de maneira exponencial os arrepentimentos públicos e privados.

Modelo de máscara do XVIII que empregaban os medicos que visitaban aos enfermos de peste

Á larga foi minguando esta explicación eclesiástica xa que se volveu en moitos casos na súa contra. A xente observou que non había diferenza entre piadosos e impíos cando pertencían á mesma clase social.

A finais do século XIX as epidemias empezaron a combaterse con antibióticos e outros medicamentos saídos dos avances propiciados pola revolución científico técnica comezada a principios do mesmo. Un dos avances mais efectivos para loitar contra os contaxios foi algo tan barato e sinxelo como pouco habitual: lavar as mans. Non o facían nin os médicos ata ben mediado o século. Este saudable hábito foi recomendado polo médico húngaro Ignaz Semmelweis cando traballaba nun hospital de Viena. Observou nas salas de parto que se rexistraban menos mortes nas atendidas por comadroas que nas dos médicos. Aquelas só atendían partos mentres estes a todo tipo de enfermos. Fixo o experimento de que todos lavasen as mans e as ferramentas rebaixando así a alta mortaldade ao 1 por cento. Malia as evidencias, os colegas veteranos rexeitaron a proposta e terminaron por botalo fora, pero a súa idea terminou por trunfar.

MÁIS DE POBRES QUE DE RICOS

Outra constante da historia é precisamente a maior afectación aos pobres. Días pasados puidemos ler que en Lisboa rebrotou o coronavirus nos barrios pobres ao igual que ocorreu eocorre en Singapur, na recollida de froita en Cataluña ou en Aragón.

No pasado sucedeu o mesmo pero cunha maior diferenza proporcional a unha maior desigualdade de entón. O escritor, periodista e espía inglés Daniel Defoe, que coñecemos pola novela Robinson Crusoe, asegura no seu Diario do ano da peste, un relato do ocorrido en 1665 en Londres onde o pasou confinado, que no verán e outono daquel ano morreron na cidade entre vinte e trinta mil pobres. Coincide coas testemuñas doutra epidemia sufrida en España en 1599 que dan fe de que a maioría das vítimas foron necesitados. Ricos tamén morrían como nos lembra Bocaccio na introdución do seu libro Decamerón, que precisamente vai de contos de mozos e mozas escapados da cidade de Florencia durante a peste negra.

As pandemias sempre causaron un profundo dor. Nos momentos mais duros do covid- 19 vimos sanitarios sen apenas protección intentando salvar vidas, vellos morrendo en residencias e UCIs sobrepasadas.

É case un conto de nadal comparado co vivido noutras épocas. En vez de unha UCI o instrumento mais temido e desexado á vez era a carreta na que se transportaban os mortos e, ás veces mesmo os moribundos, ás aforas das cidades, deixándoos amoricados nun sitio preto dun camiño para espantar, ademais, a posibles visitantes non desexados.

Dan fe desta situación varios cadros de pintores de séculos distintos, sendo un dos mais famosos O trunfo da morte de Brueghel o vello, que hoxe se pode contemplar no Museo do Prado.

Esta dureza extrema desestructuraba o ser humano ao romper vínculos tan fortes coma o dun fillo entregando a un pai moribundo á carreta ou ao revés.

Con todo, unha vez pasado o andazo, se esquecía. Un problema para as autoridades de entón cando volvía o seguinte. Ao chegar os primeiros rumores a unha cidade, enviaban a médicos a investigar. Si dicían que efectivamente o era, volvían a mandar outro equipo distinto para ganar tempo porque a xente se negaba a interromper a súa vida cotiá. Algo que xa observamos na actual pandemia en Europa, agardando tan felices e despreocupados a que non nos tocase o mal. Os gobernos, entre eles o noso, calibrando o asunto a ver que podía pasar.

Que vai pasar cando termine o covid-19? Si seguimos as pautas do ocorrido na historia, recibiremos con unha explosión de alegría expresada en todo tipo de diversións. En tempos, así o facían, esquecendo a dor pasada e curiosamente aumentaban moito o número de matrimonios e de fillos por cada un.

Hoxe en día non ocorrerá exactamente así pero as ganas de xolda vémolas nas terrazas.

O Triunfo da morte. Pieter Brueghel, O Vello, describía cara o ano 1562 a impronta das guerras e das enfermidades na Idade Media
https://www.selitel.es/ Fonteboa — Centro de Promoción Rural — EFA
Lee el último número