12.6 C
Galicia
sábado, mayo 4, 2024

O sector lácteo gallego firma un acordo de demandas ante a situación actual de venta a pérdidas xeneralizada.

  • O acordo constata que se está a producir unha situación xeneralizada de venda a perdas provocada polo incremento dos custos de produción
  • Proponse ao Ministerio de Agricultura que promova un gran acordo entre a distribución, a industria e os gandeiros a nivel nacional para incrementar o prezo actual dos contratos de venda de leite cunha prima de emerxencia de 4 céntimos/litro
  • Tamén, que habilite de inmediato mecanismos de control para frear a venda a perdas e que contribúa co financiamento necesario para que as comunidades autónomas, como Galicia, poidan desempeñar as súas novas competencias nesta materia
  • Outra petición pasa porque se recoñezan na normativa estatal plataformas informáticas de organismos públicos como medio de proba do custo efectivo de produción, caso da galega Conta Láctea
  • Tendo en conta a transcendencia dos temas propostos, o conselleiro do Medio Rural solicitou unha reunión presencial co ministro, para abordalos coa maior urxencia posible

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2022.- Galicia demanda ao Goberno Central que actúe de inmediato para solucionar os problemas do sector lácteo. Unhas dificultades que derivan dunha situación xeneralizada de venda a perdas provocada polo incremento dos custos de produción, tal e como se demostra no informe presentado o venres pasado polo conselleiro do Medio Rural, José González, aos representantes dos gandeiros. 

Nesa reunión, a Xunta, as organizacións profesionais agrarias e as cooperativas subscribiron un acordo conxunto coas demandas de Galicia para garantir a viabilidade e sustentabilidade deste eido estratéxico do noso rural, que xa foi trasladado ao Ministerio de Agricutura, Pesca y Alimentación (MAPA).

220222_ACORDO asinado_demandas_sector_lácteo _Galicia

Neste documento propóñense unha serie de medidas para atallar a actual situación. A primeira delas é insistir ao MAPA co fin de que promova un gran acordo entre a distribución, a industria e os gandeiros a nivel nacional para incrementar o prezo actual dos contratos de venda de leite cunha prima de emerxencia que garanta a viabilidade do sector. Debería ser de 4 céntimos por litro de leite, cun tope de 41 céntimos, e manterse durante todo o ano 2022. Esta medida, lémbrase no escrito, vai na liña da promovida polo Goberno italiano.

Outra das accións que se solicitan dende Galicia ao Ministerio pasan porque habilite de inmediato mecanismos de control para frear a venda a perdas e que contribúa co financiamento necesario para que as comunidades poidan desempeñar as súas novas competencias nesta materia. Neste sentido, cómpre lembrar que Galicia xa anunciou que vai crear a súa propia Axencia de Información e Control Alimentario, pero precisa eses fondos para poñela en marcha.

Conta Láctea

No devandito documento tamén se solicita ao MAPA que se recoñezan na normativa estatal plataformas informáticas de organismos públicos como medio de proba do custo efectivo de produción, caso da galega Conta Láctea. A implantación desta ou outras ferramentas semellantes permitiría emitir informes e fixar índices de referencia sobre os custos de produción media por extractos de explotación e reforzaría, consecuentemente, a posición negociadora dos gandeiros. 

Por último tamén se expón neste documento que, para fomentar a creación de organizacións de produtores lácteos (OPL’s), é preciso que se reduza a 50.000 toneladas anuais o límite da produción mínima que se require para o seu recoñecemento, especialmente en comunidades nas que as explotacións teñen un tamaño reducido, como é o caso de Galicia.

O texto conxunto de Galicia vai asinado polo propio conselleiro do Medio Rural, polo secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García; pola vice-responsable do sector lácteo do Sindicato Labrego Galego, Ana Rodríguez, por delegación da secretaria xeral desta central, Isabel Vilalba; polo presidente da Asociación Agraria de Galicia, Francisco Bello; pola presidenta da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), Carmen Rodríguez, e polo coordinador da Federación Rural Galega, Manuel da Cal.

Tendo en conta a transcendencia dos temas propostos, o conselleiro do Medio Rural, José González, solicitou unha reunión presencial co ministro Luis Planas, para abordalos coa maior urxencia posible.

Artículos relacionados

- Advertisement -spot_img

ÚLTIMOS ARTÍCULOS